Novidades da versión 1.12

As melloras desta versión son visíbeis desde a primeira pantalla do xogo, a do menú principal, que mostra o mapa que todos coñecemos do Reino do Noroeste e os seus arredores nun novo estilo máis atractivo. Ao comezar unha nova partida —sexa para un ou máis xogadores— observará que a pantalla do xogo cambiou completamente, cun deseño máis directo e actual. Como parte da nosa aposta pola elegancia e maila consistencia, todos os diálogos do xogo usan este novo deseño, e contan con outras moitas melloras máis sutís.

Menú principal.

Para os xogadores

Captura de pantalla de A batalla polo Noroeste.

Agora o minimapa ofrece distintas vistas para aquelas situacións nas que cómpre dispoñer dunha visualización máis fina das unidades, dos terreos ou das vilas. Moitos elementos da barra lateral cambian de lugar e de tamaño para axustarse mellor á resolución de pantalla e aproveitar así mellor o espazo dispoñíbel, e agora móstranse tanto o estandarte coma o número do equipo da unidade seleccionada. Os líderes e mailas unidades marcadas coma heroes nas campañas e mailos escenarios para varios xogadores están agora adornados con elipses en forma de estrela, de xeito que identificalos no campo de batalla resulte máis doado que nunca.

Como gran parte do éxito de A batalla polo Noroeste radica na diversidade e maila orixinalidade dos seus complementos con contidos creados polos usuarios, o xestor de complementos inclúe melloras que levaban tempo pendentes. Por exemplo, agora o xestor mostra o estado de instalación de cada complemento directamente na lista, e permite filtrar complementos polo seu tipo ou estado, e os autores poden agora fornecer ligazóns a temas de axuda sobre os seus complementos abertos nos foros oficiais.

As unidades con variantes especializadas, coma os cadáveres andantes ou os inanimados, contan agora con seccións no sistema integrado de axuda que describen en detalle cada unha desas variantes. Tamén se engadiron novas categorías superiores que introducen os distintos tipos de complementos para os novos xogadores e ofrecen un resumo de cada unha das faccións das partidas para varios xogadores.

Melloráronse en gran medida as imaxes das unidades montadas, incluíndo as ramas de unidades que parten do home a cabalo, do home montado ou do elfos explorador. As animacións das ramas de unidades que parten do anano loitador e do anano arcabuceiro, así coma as unidades non mortas do espectro e do esqueleto, renováronse por completo. Ademais engadíronse ou actualizáronse varios retratos xenéricos para varias unidades, entre elas as do lanceiro, do ogro, do wose, do liche ancián, da ánima, así como algunhas das unidades dos trolles.

Campañas

Captura de pantalla de A batalla polo Noroeste.

Á campaña por excelencia de A batalla polo Noroeste, O herdeiro ao trono, engadíronse varias variantes adicionais de retratos. Os retratos da campaña A invasión do leste substituíronse por retratos completamente novos.

O mapa do menú principal non foi o único que cambiou completamente. Agora todos os mapas cos que se narran as historias das campañas utilizan o mesmo estilo que o mapa do menú principal, e engadíronse mapas novos a moitas das campañas que non tiñan ningún.

Á meirande parte das campañas principais aplicáronselles diversas melloras visuais e de xogabilidade. Cabe salientar o caso de O fillo de “Ollo negro”, que se axustou co obxectivo de aumentar a súa dificultade para que a campaña de verdade merecese a designación de «campaña de nivel experto» que se lle outorgara. Tamén viron melloras significantes moitos dos escenarios de A invasión do leste, e houbo casos de escenarios que se redeseñaron completamente desde cero.

Aínda que todas as campañas indican no menú o seu nivel de dificultade, hai xogadores que poden subestimar o desafío que supoñen, e verse superados pola dificultade da campaña a metade da mesma. Foi por isto que engadimos unha nova opción no diálogo para cargar partidas que permite aos xogadores cambiar a dificultade da partida desde o principio do escenario.

Varios xogadores

Captura de pantalla de A batalla polo Noroeste.

Con esta nova versión introdúcese unha nova facción para as partidas de varios xogadores: o califato. Esta facción de humanos, dispoñíbel na configuración da partida mediante a era «Predeterminada co califato», carece de unidades que practiquen maxia. As súas unidades especialízanse no aproveitamento das peculiaridades do terreo para coordinar ataques durante o amencer e mailo anoitecer. Entre as súas filas hai unidades legais e crepusculares, sandadores, loitadores de contacto de boa puntería, e temíbeis arqueiros a cabalo. Aínda que as unidades do califato adoitan ser máis cara que as da facción dos leais, compénsano cunha gran capacidade de movemento, especialmente nas rexións montañosas.

Engadiuse un novo tipo de complemento: as «modificacións para varios xogadores» ou «modificacións multixogador». As modificacións permiten cambiar as regras do xogo de maneira independente da era ou do mapa seleccionados. Isto permítelles aos autores de complementos deseñar scripts que melloran e modifican o xogo sen restrinxir esas melloras a unha era ou mapa determinados. A instalación predeterminada non inclúe ningunha modificación, pero xa hai algunha dispoñíbel no servidor de complementos oficial do xogo.

O sistema de creación de partidas para varios xogadores redeseñouse e dividiuse en dúas pantallas. Na primeira pantalla créase a partida e escóllense a era e mailas modificacións, mentres que na segunda pantalla se configuran o resto de aspectos da partida. Os complementos feitos por xogadores poden agora mostrar opcións de configuración personalizadas na última destas pantallas. Ademais todas as pantallas das partidas para varios xogadores melloráronse a raíz dos novos cambios para as campañas de varios xogadores, e para mostrar de maneira máis evidente a información relevante. As pantallas axustáronse tamén para unha mellor compatibilidade con dispositivos de baixa resolución.

Solucionáronse moitos erros relacionados coa recarga de campañas e escenarios para varios xogadores. O modo para varios xogadores é agora compatíbel coa etiqueta [campaign], o que permite xogar a mesma campaña tanto con varios xogadores coma individualmente. Como resultado, as campañas para varios xogadores permiten agora funcionalidades das campañas individuais, coma o nivel de dificultade. As campañas para varios xogadores tamén permiten funcionalidades adicionais, coma volver á sala de espera entre escenarios e cambiar a configuración dos bandos. Por último, A lenda de Güesmer converteuse na primeira campaña compatíbel con varios xogadores incluída no xogo.

E tamén se engadiron outras moitas funcionalidades para mellorar a experiencia das partidas para varios xogadores. Por exemplo, a pantalla de preparación da partida emite un son para informar ao anfitrión cando o resto de xogadores remate de escoller unha facción. Tamén se emite un son cando comeza a partida. Se algún xogador se desconecta da partida, agora existe a posibilidade de marcar o seu bando como «ausente» sen necesidade de que o anfitrión poida ver todo canto ve o bando do xogador desconectado, e engadiuse unha opción para unirse “as escuras”, de xeito que os xogadores poidan unirse de novo á partida e ser asignados a un bando sen ter acceso á visión global da partida da que goza un observador normal.

Xeral

Captura de pantalla de A batalla polo Noroeste.

A flexibilidade do motor do xogo non só permite aos xogadores crear e publicar contido orixinal, tamén permite aos xogadores cambiar as opcións que lles pareza. O diálogo de configuración dos atallos renovouse e utiliza agora unha vista por categorías, coa posibilidade de asignar máis dun atallo a unha mesma acción, e cambiar as asignacións para usar botóns adicionais dispoñíbeis nalgúns modelos de rato.

Con frecuencia os xogadores necesitan poder acceder directamente aos ficheiros do xogo para compartir as súas partidas, crear ou modificar complementos, ou facer capturas de pantalla das súas partidas ou dos mapas que crean. Dado que o xogo é compatíbel con varias plataformas e pode instalarse de mil maneiras distintas, engadiuse ao diálogo de configuración un mecanismo fiábel e consistente para permitir aos xogadores acceder aos seus datos. Ademais, engadíronse novas opcións para xestionar as capturas de pantalla despois de crealas: os xogadores poderán abrilas inmediatamente no visor de imaxes que prefiran, ou explorar o contido completo do cartafol de capturas.

O diálogo de selección do tema da interface inclúe unha descrición curta de cada elemento. Tamén se engadiu un novo tema optimizado para a consola Pandora e para outros dispositivos de baixa resolución, un tema que fornece unha visualización máis compacta das estatísticas das unidades e botóns de acción máis visíbeis.

Comezouse a traballar en dúas novas traducións: a do gaélico escocés e maila do ucraíno. Coma sempre, A batalla polo Noroeste válese de voluntarios para traducir o xogo. Se está vostede interesado en colaborar con algunha das traducións, consulte a sección Colaborar máis abaixo para informarse.

Para os creadores de contidos

Captura de pantalla de A batalla polo Noroeste.

Igual que a interface principal, o editor de mapa renovouse en gran medida. As ferramentas de ficheiros e de selección máis comúns son agora máis visíbeis, e as iconas de accións son máis doadas de identificar. Esta versión estrea ademais o modo de escenario, que ofrece funcionalidades que antes só podían usarse escribindo código WML directamente. Trátase dun modo experimental, e aínda quedan moitos aspectos por completar e pulir para que poida considerarse un verdadeir substituto das partes de WML que pretende ofrecer.

No que respecta á selección de terreo, os bosques tropicais volvéronse debuxar partindo de cero, e expandíronse con varias variantes, entre as que se atopan as selvas, os bosques de palmeiras densos e esparexidos, e maila sabana. Os mapas subterráneos poderán aproveitar que se engadiron novos tipos de pontes, e os novos terreos de lixo e restos permitirán mellorar o aspecto dalgúns campos de batalla. Todos estes novos terreos están dispoñíbeis directamente desde o editor.

Tanto os xogadores coma os programadores en WML poderán aproveitar as ferramentas de depuración melloradas. Os informes de erro na fase de carga conteñen información máis descritiva e permiten copiar o seu contido ao portapapeis. O inspector do estado da partida tamén se actualizou, e ademais da funcionalidade de copiar ao portapapeis para as variables da partida e maila información do estado, agora fai uso do mesmo código que usan as partidas gardadas para xerar correctamente atributos WML de varias liñas e marcar textos para tradución.

Para axudar máis aínda aos programadores en WML, incluíuse GUI.pyw, unha interface gráfica para os tres scripts de mantemento de WML principais (wmllint, wmlindent, e wmlscope), unha cómoda alternativa á versións da liña de ordes. A ferramenta está dispoñíbel no cartafol data/tools. Consulte o wiki para máis información sobre as ferramentas de mantemento.

No que respecta á infraestrutura, esta nova serie de versións estábeis contén unha morea de engadidos para os creadores de contidos. As micro intelixencias artificiais ofrecen unha potente infraestrutura para asignar comportamentos novos e especializados ás intelixencias artificiais dos bandos sen necesidade de tocar máis que unhas poucas liñas de código. As intelixencias artificiais recibiron tamén outras melloras, coma o motor de recrutamento da intelixencia artificial, mellorado en gran medida e completamente configurábel, ou a creación dunha nova intelixencia artificial para as partidas de varios xogadores.

Tamén se engadiron outras novas funcionalidades ás API de WML e de Lua. Por exemplo, as etiquetas de animación de WML permiten unha sintaxe nova máis sinxela para definir os fotogramas das animacións en menos espazo. Tamén se cambiaron varios aspectos da API, polo que os creadores que queiras adaptar contido da rama 1.10 terán que adaptarse a eses cambios, que están listados nun tema do foro.


Descarga

A batalla polo Noroeste publícase baixo a Licenza Pública Xeral de GNU (GNU GPL). O código fonte está dispoñíbel no sitio web wesnoth.org, onde hai ademais instrucións para construílo a partir das fontes nunha gran variedade de sistemas operativos. Tamén hai dispoñíbeis paquetes para os sistemas operativos máis populares, entre eles Microsoft Windows, Apple OS X e GNU/Linux.

Podes obter información actualizada sobre as descargas na páxina de descargas. Alí podes atopar tamén paquetes e instrucións para outras plataformas en canto estas estean dispoñíbeis.

Se descargou unha versión anterior do xogo, quizais lle interese descargar só os ficheiros Xdelta.


Colaborar

Desde a súa concepción en xullo de 2003, A batalla polo Noroeste mellórase e esténdese de maneira constante, un cambio no que participan centos de voluntarios en diversas partes de todo o mundo. As colaboracións son tamén diversas, e van desde contido principal do xogo que se inclúe como parte das versións oficiais a centos de proxectos dos usuarios que se poden descargar do servidor de complementos, dispoñíbel directamente no menú principal do xogo. Se necesita axuda, sexa para un escenario concreto ou para engadir unha funcionalidade a un mapa personalizado, detrás de A batalla polo Noroeste hai unha enorme e vibrante comunidade de xogadores e creadores de contidos dispostos a botarlle unha man.

Ademais de coa creación de contidos orixinais en forma de complementos, pode colaborar co desenvolvemento de A batalla polo Noroeste de moitas outras maneiras:


Información adicional